O Polígono de Carballo é un dos primeiros parques empresariais galegos que naceu froito da iniciativa privada. A mediados da década dos 70 do século pasado, un conxunto de empresarios do municipio agrupados na Asociación Sindical de Empresarios de Carballo (ASEMCAR), detectaron a necesidade de dotarse dunha infraestrutura moderna e funcional que lles permitise desenvolver a súa actividade industrial e comercial dunha forma máis competitiva. O 7 de xullo de 1990 este proxecto transfórmase nunha realidade coa inauguración oficial do noso polígono.
No ano 1991 constitúese a Comunidade de Propietarios do Polígono de Carballo, desde entón é a entidade responsable da defensa das necesidades da nosa área empresarial ante as distintas Administracións Públicas, así como do correcto funcionamento diario do polígono dando resposta ás demandas dos seus usuarios; para iso dispón de persoal propio: un xerente e dous operarios de mantemento. A comunidade de propietarios forma parte da Federación Galega de Parques Empresariais ( FEGAPE).
No ano 2012, a comunidade de propietarios impulsa a creación da Asociación de Empresarios do Polígono de Carballo para desde ela poder ofrecer novos servizos e optar a subvencións públicas orientadas ao financiamento de actividades de dinamización económica e programas formativos.