Novas: Circulares Informativas
Os empresarios e o Concello revisan o plan de seguridade e emerxencias do polígono de Bértoa

Os empresarios e o Concello revisan o plan de seguridade e emerxencias do polígono de Bértoa

24 outubro, 2016 Circulares Informativas
A Asociación de Empresarios do Polígono de Carballo porá en marcha este luns unha campaña de recollida de datos sobre as características das instalacións das empresas aloxadas no recinto industrial de Bértoa, incluíndo a segunda fase.
A consulta, promovida polo Concello, é unha das tarefas necesarias para a elaboración dun novo plan de seguridade e emerxencias do polígono, un documento estratéxico para definir as necesidades do recinto, fomentar a prevención, delimitar os riscos e propoñer plans de actuación. A partir deste luns, os empresarios recibirán un pequeno cuestionario elaborado polos redactores do plan, no que deberán aportar unha serie de datos relacionados coa actividade desenvolvida nas súas instalacións. A enquisa recolle información sobre a superficie das súas dependencias, a presenza de material de risco ou elementos como extintores, bocas de incendio, detectores de fume, entre outros. Toda a información será tratada con confidencialidade e permitirá actualizar e definir as medidas de seguridade necesarias nun espazo coma o polígono multisectorial carballés, onde se aloxan máis de 140 empresas de diferente tamaño. Para a realización dos traballos e redacción do plan contratouse á empresa Grupo Xa, unha firma de Sada que conta cunha ampla experiencia neste tipo de proxectos . O presidente dos empresarios, Antonio Gómez Caamaño, sinala que a redacción deste plan é posible “grazas á colaboración económica do Concello de Carballo, que unha vez máis nos amosa o seu apoio e compromiso coas inquedanzas dos empresarios”. No caso desta consulta Gómez Caamaño solicita a colaboración de todos os responsables das empresas dado que se trata dun documento “que resulta estratéxico para a seguridade de todos os usuarios e empresas do polígono”. Cómpre lembrar que, ademais do uso industrial e comercial do recinto carballés, en Bértoa tamén se ubican dependencias públicas coma o campo municipal de fútbol, o punto limpo, a estación gasificadora da cidade ou o parque de bombeiros, entre outros. É necesario que nesta iniciativa “participen todos os empresarios, xa que é una responsabilidade de todos”, recorda o presidente. · Certificacións ISO Un plan de seguridade e emerxencias é un documento elaborado por técnicos especializados e resulta imprescindible, entre outras cuestións, para aquelas empresas que estén tramitando certificacións ISO como por exemplo a que acredita a prevención de riscos laborais. Varias empresas están a renovar as súas certificacións e por elo “é necesario rematar con axilidade este proxecto”, apunta Antonio Gómez. Principalmente, este plan, ademais de recoller e catalogar os potenciais riscos derivados da propia actividade do polígono, debe definir as vías de evacuación ou actuación preferentes para os servizos de emerxencias, coma ambulancias, camións de bombeiros, protección civil, corpos de seguridade etc. Pola súa parte, é responsabilidade de cada empresa contar co seu propio plan de seguridade interno. Para máis información, contactar co departamento de comunicación en: Mail: comunicación@poligonodebertoa.es Teléfono: 981 285 483 / 636 111 893”
Adxuntos:
Outras novas

Todas as noticias relacionadas co Polígono de Carballo ou que poidan ser de interese para as empresas que o compoñen.