O pasado venres 20 de decembro, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, comunicou á xunta directiva da Comunidade de Propietarios do Polígono a decisión da Xunta de Galicia de que a estrada de circunvalación de Carballo de inicio na rotonda de Bértoa e conecte o polígono coas estradas de Ordenes e Santiago.
Esta era unha vella reclamación das empresas do polígono que ata a data víanse obrigadas a circular polas zonas escolar e deportiva do municipio cos consecuentes riscos para a seguridade e as dificultades propias de circular por unha zona non adaptada para o tránsito de vehículos pesados, un factor que dificultaba as comunicacións con Santiago e o sur de Galicia.
Na reunión, que tivo lugar nas oficinas da Comunidade de Propietarios, a conselleira traslado o compromiso da Xunta de Galicia de iniciar a estrada de circunvalación de Carballo na rotonda de acceso ao polígono situada na AC 552 e de incluír nos orzamentos do 2020 a cantidade de 250.000€ para iniciar os trámites de licitación.
Desde a Comunidade de Propietarios valorouse positivamente o anuncio desta infraestrutura que consideran clave, tendo en conta o incremento de empresas e usuarios que está a experimentar a nosa área empresarial nos últimos anos; tamén manifestaron a súa intención de facer un seguimento dos prazos de execución da obra para que a estrada estea operativa o máis axiña posible.
Nos últimos meses ante o anuncio de que a estrada de circunvalación executaríase en dúas fases, a Comunidade de Propietarios realizou unha intensa actividade institucional para concienciar sobre a importancia de que se dese prioridade ao tramo que empeza no noso polígono, o anuncio da pasada semana é un éxito do asociacionismo empresarial que demostra ser un instrumento útil na mellora da competitividade empresarial.