Demandada en repetidas ocasións polo colectivo empresarial, esta infraestrutura que unirá o noso parque industrial, coas estradas de Ordes (AC-413) e Santiago (DP-1914) supoñerá unha mellora notable nas nosas comunicacións co sur da Comunidade Autónoma.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licita a redacción do proxecto de trazado, construción e impacto ambiental da que será a primeira fase da circunvalación de Carballo, que arrincará na AC-552, á altura da rotonda de acceso ao polígono. A plataforma de contratos públicos de Galicia publicou onte a licitación destas actuacións por un importe superior a 170.500 euros. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 23 de xullo para presentar as súas ofertas e o tempo de execución do contrato será de 20 meses.
Para o desenvolvemento desta futura infraestrutura, que servirá de alternativa á estrada de titularidade autonómica AC-552, a Xunta expón unha variante en dúas fases. Como anunciou a conselleira Ethel Vázquez o pasado mes de decembro nunha reunión con representantes da Comunidade de Propietarios do Polígono, a primeira fase en executarse será a que enlace a rotonda que dá acceso ao noso parque empresarial desde a AC-552 coa estrada tamén autonómica AC-413 que se dirixe a Ordes e co provincial DP-1914, que une Carballo con Santiago a través de Portomouro. O orzamento de licitación destas actuacións rolda os 15 millóns de euros.
A execución desta infraestrutura mellorará a competitividade do noso parque empresarial ao facilitar as comunicacións e a relacións comerciais das nosas empresas co sur de Galicia; ademais solucionará un grave problema de seguridade no núcleo urbano de Carballo evitando o continuo tránsito de vehículos pesados polo centro urbano, sobre todo, en zonas onde se sitúan os centros educativos, como o instituto Alfredo Brañas, o colexio Fogar, a escola infantil A Ledicia e o complexo deportivo existente nas inmediacións.