Coa apertura este luns da variante de Aradas, que une a estrada Carballo-Santiago (DP-1914) co polígono do Tambre, os camións que chegan á capital galega desde Carballo tardarán 20 minutos menos e percorrerán un 73% menos de distancia para entrar e saír do polígono compostelán.
As obras desta infraestrutura comezaron en setembro de 2017 e servirán para desviar a uns 4.000 vehículos diarios, a metade deles camións, que na actualidade vense obrigados atravesar os barrios composteláns de Vite e Vista Alegre. Esta vía de alta capacidade conta con algo máis de quilómetro e medio de lonxitude e un investimento de seis millóns de euros.
Circunvalación de Carballo.
A pesar desta mellora, as comunicacións do polígono de Carballo con Santiago e o sur de Galicia son moi deficitarias, dificultando o intercambio comercial e de servizos das nosas empresas con esa importante área xeográfica. É por iso, que desde a Comunidade de Propietarios do Polígono vense insistindo na necesaria posta en marcha da estrada de circunvalación de Carballo que permitiría librar de tráfico ao núcleo urbano do noso municipio e supoñería unha importante mellora, a relativo baixo custo, das comunicacións con Santiago e o sur da Comunidade Autónoma.