A execución deste novo equipamento corresponderalle á empresa Conscy 2000, SL por un importe de 121.320 euros e estará operativa antes de que remate o ano. A báscula funcionará en modalidade electrónica e de autoservizo.
O Concello vén de adxudicar á empresa Conscy 2020 SL a construción da nova báscula pública para camións do polígono, por un importe de 121.320 euros, despois de quedar deserta unha primeira convocatoria. Prevese que o servizo entre en funcionamento antes de finais de ano.
A báscula pública situarase nunha parcela municipal de 1.180 metros cadrados situada na rúa Wolframio entre a primeira e a segunda fase do polígono. Esta parcela urbanizarase cunha capa de rodadura por onde circularán os camións, de pavimento de formigón con firme específico para o tráfico de vehículos pesados e cun ancho de vía de 8 metros sobre unha capa de zahorra de 10 cm de espesor.
Para a báscula optarase por unha instalación empotrada, con foxo baixo superficie, situada nun único carril. Estará dotada dun programa de xestión con tarxetas de identificación de usuarios cun sistema de altas incluído, o que permitirá o seu uso as 24 horas sen necesidade de persoal.
Desde a Comunidade de Propietarios xa se está en conversas co Concello para que sexa a nova Entidade de Conservación, Xestión e Modernización (ECOXEM) do polígono a encargada da súa xestión.
A instalación desta infraestrutura responde a unha demanda histórica do sector do transporte e das empresas do polígono, que reclamaban dispoñer dun servizo público de pesado de vehículos pesados.