A intervención cun investimento de 243.259 euros poñerá ao dispor dos usuarios do polígono 42 novas prazas para vehículos pesados, esta actuación tamén inclúe o pintado dos viais do polígono e a renovación parcial da señalética vertical.
Unha das demandas da Comunidade de Propietarios do Polígono farase realidade nas próximas semanas: o acondicionamento dun aparcamento para vehículos pesados. Será o Concello o encargado de executar a obra para o que primeiro foi necesario unha modificación do PXOM para recalificar a parcela de zona verde a vial.
Despois de quedar deserta a primeira licitación, a pasada semana a mesa de contratación adxudicou á empresa Vázquez e Reino -a única que se presentou ao procedemento- a execución da actuación que terá un dobre propósito, mellorar as infraestruturas viarias do polígono e mellorar a seguridade.
No primeiro caso, acondicionarase a parcela que está situada á beira do campo de fútbol de As Eiroas que xa tradicionalmente usábase para este propósito. Actualmente o firme desta parcela é de saburra e terra e, debido ás necesidades especiais que supón a circulación de vehículos pesados, pavimentarase toda a zona con formigón e ademais executarase unha franxa vexetal de ocultación nas lindes sur e oeste da parcela. Realizarase a plantación de 25 arbustos autóctonos de folla persistente e 25 freixos. No terreo habilitaranse 42 prazas de aparcamento de gran tamaño (15x3,5 metros).
Ademais, nesta actuación inclúese o pintado da sinalización horizontal, moi desgastadas polo incremento do tráfico de vehículos nos últimos anos. Tamén haberá unha renovación parcial da sinalización vertical, coa instalación de paneis informativos para sinalizar o deslinde entre ambas as fases do polígono e en cada unha das parcelas da segunda fase, indicando o número da mesma. Instalaranse, así mesmo, catro carteis de aviso previo/previo aviso en puntos de entrada e saída do polígono.
En canto á seguridade, instalaranse barreiras nos accesos ao parque que non dispoñen dela. Na rúa Cobre a actual barreira está inoperativa, polo que se retirará e substituirá por unha nova. No acceso norte do polígono, onde actualmente non está regulado o acceso, instalaranse dúas barreiras.