Novas: Xeral
Estás aquí: Inicio \ Novas \ Xeral
Afigal SGR abre a súa delegación para Costa da Morte no noso polígono.

Afigal SGR abre a súa delegación para Costa da Morte no noso polígono.

29 xaneiro, 2024 Xeral

O anuncio realizouse aos empresarios que participaron nunha xornada sobre financiamento subvencionado realizada o pasado venres 26 nas instalacións do Centro de Promoción Económica.

Afigal SGR é unha entidade de carácter mutualista cuxo principal obxectivo é conceder avais ás pemes para que estas poidan acceder dunha forma máis sinxela e vantaxosa ao financiamento bancario dos seus proxectos. Concretamente estes avais buscan facilitar o financiamento de investimentos, circulante ou operacións de reestruturación de débedas.

Con sede na Coruña, o ámbito de actuación de Afigal SGR é toda a Comunidade Autónoma galega, aínda que a maior parte da súa actividade desenvólvese nas provincias da Coruña e Lugo. Ata a data tiña delegacións en Ferrol, Santiago e Lugo; e a partir deste mes tamén Carballo para dar servizo a toda a comarca de Costa da Morte. A delegación estará situada no Viveiro de Empresas do noso polígono e contará con persoal propio.

Trátase dunha aposta de Afigal SGR por un ámbito territorial no que foron incrementando nos últimos anos tanto a súa cifra de negocio como o número de empresas integradas na entidade.

Desde a Comunidade de Propietarios do Polígono valoran moi positivamente o establecemento de Afigal SGR no seu recinto, o que facilitará ás empresas do mesmo o seu acceso a este tipo de recursos financeiros e reforza a posición do polígono de Carballo como un importante referente empresarial a nivel provincial.

 

Xornada sobre financiamento subvencionado.

Este anuncio fíxose durante a celebración dunha xornada titulada Novas liñas de financiamento subvencionado 2024 que se celebrou o pasado venres 26 nas instalacións do Centro de Promoción Económica.

Concretamente presentábase o convenio asinado entre Afigal SGR e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) para facilitar a pemes e autónomos o acceso ao crédito. Jacobo Ortiz Alonso, director comercial de Afigal SGR, foi o encargado de conducir a sesión.

Mediante o convenio asinado entre ambas as institucións bonificaranse os tipos de interese, a comisión de aval e o reaval, daquelas operacións destinadas a financiar novos investimentos, circulante e reestruturación de débeda. As contías dos préstamos oscilan entre os 3.000 euros e 1 millón de euros, cunha vixencia de 3 a 15 anos no caso dos préstamos para investimentos e circulante, e ata 5 anos nas operacións de garantías.

Os autónomos e pemes da zona xa poderán ampliar esta información e expor o seu caso concreto nas instalacións de Afigal SGR no Viveiro de Empresas do Polígono de Carballo.

Adxuntos:
Outras novas

Todas as noticias relacionadas co Polígono de Carballo ou que poidan ser de interese para as empresas que o compoñen.