A corporación municipal aprobou no pleno de onte unha modificación orzamentaria que incorpora un importe de 615.370,74 euros para a apertura e pavimentación do primeiro tramo do vial que comunicará o noso polígono coa avenida de Razo.
Este luns 24 de abril celebrouse o último pleno ordinario da actual lexislatura, nel aprobouse unha modificación orzamentaria coa finalidade de incorporar 1.674.461,61 euros procedentes do remanente de tesourería, co obxectivo de financiar diversas obra e servizos.
A partida máis importante, cun importe de 615.370,74 euros, corresponde á apertura e pavimentación do primeiro tramo do vial que conectará o noso polígono coa avenida de Razo. Este vial está recollido no PXOM e transcorrerá desde a rotonda de acceso ao polígono ata a rotonda situada nas inmediacións do Centro Comercial Bergantiños “Haley”, e neste primeiro tramo non requirirá incoar ningún proceso expropiatorio.
Outro dos proxectos que obterá financiamento a cargo desta modificación orzamentaria será o da instalación de cámara de videovixilancia na nosa área empresarial, neste caso o importe é de 20.000 euros.
Dúas demandas do colectivo empresarial.
Ambas as intervencións, responden a dúas demandas históricas da Comunidade de Propietarios do Polígono, a primeira busca aliviar as retencións que se forman a diario na avenida de Bértoa dirección Carballo, coincidindo coa saída dos empregados do parque empresarial.
E a segunda, busca mellorar a seguridade do polígono especialmente durante a franxa horaria diúrna. Polas noites o polígono permanece pechado desde as 00:00h ás 06:00h, permanecendo no mesmo persoal da Comunidade de Propietarios, o que practicamente supuxo unha redución a 0 das incidencias de seguridade nese tramo horario.