A Xunta de Goberno Local aprobou onte a cesión o antigo edificio de Promoción Económica á Asociación de Empresarios do Polígono. O edificio, de titularidade municipal y situado na Rúa Cobre Parcela A, conta con planta baixa e primeira, e cunha superficie útil total de 230,43 m² e construída de 276,44 m².
Esta cesión era unha reivindicación histórica do colectivo empresarial desde que ese edificio queda sen actividade. A cesión do inmoble terá unha duración de catro anos (prorrogables) e a Asociación de Empresarios prevé para as súas instalacións a celebración de actividades orientadas ao asesoramento, a dinamización económica e a promoción social, co obxectivo, como se argumentaba na solicitude presentada no Concello de Carballo, de facer deste edificio un espazo aberto ás empresas e usuarios do polígono. Este novo uso supoñerá unha mellora dos servizos do polígono, complementando ao Viveiro de Empresas situado na mesma parcela.
Nas próximas semanas irase concretando a data de traslado das oficinas do polígono (actualmente situadas na Parcela A1) a esta nova localización.
Novas licenzas de obra no polígono.
Nesta xunta de goberno tamén se aprobaron dúas novas licenzas de obra no polígono. Unha delas é para unha nave industrial sen actividade específica que se situará na Parcela A23 da Rúa Titanio, e a outra para a construción dunha nave dedicada á fabricación de perfilería, ancoraxes e paneis de fachadas.