Este investimento cubrirá un importante déficit na seguridade do polígono que na súa primeira fase só dispón de tres hidrantes para dar servizo a máis de 150 empresas. Por outra banda, o Concello concedeu unha subvención 8.288€ orientada a mellorar o noso servizo de xestión de residuos.
A habilitación de novos hidrantes era unha das peticións máis repetidas polo colectivo empresarial nos últimos anos e un os principais déficits que padecía a área empresarial nun tema tan sensible como o da seguridade e a prevención de emerxencias. Finalmente, o asunto vaise emendar ao ser aprobada a instalación de 12 novos hidrantes no polígono. A obra executarase nos próximos meses e supoñerá un investimento de 86.519,69€ cofinanciada pola Xunta de Galicia (80%) e o Concello de Carballo (20%).
Mellora nos servizos de xestión de residuos.
Así mesmo esta semana a concellería de Promoción Económica do Concello informou da concesión dunha subvención de 8.288€ á Asociación de Empresarios do Polígono. Concretamente esta cantidade irá destinada a mellorar o servizo de recollida de residuos porta a porta e á posta en marcha dunha campaña informativa destinada a que as empresas e usuarios do polígono teña un mellor coñecemento dos servizos de xestión de residuos existentes no noso parque empresarial.
Este é un aspecto clave na estratexia de sustentabilidade do polígono que busca reducir ao máximo o impacto que a actividade comercial e fabril das nosas empresas poida ter na contorna.