Novas: Xeral
Estás aquí: Inicio \ Novas \ Xeral
As obras da ampliación empezarán a executarse en 2027

As obras da ampliación empezarán a executarse en 2027

24 septembro, 2025 Xeral

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro co tecido empresarial local nas instalacións do Centro de Promoción Económica do Polígono onde abordou a aprobación por parte do Consello da Xunta do PEOSE da ampliación.

O pasado luns o Consello da Xunta aprobou o Plan Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial (PEOSE) da ampliación, un fito importante na tramitación da terceira fase que permitirá avanzar e aprobar os plans de urbanización e parcelación, así como os de expropiación. A conselleira quixo compartir co tecido empresarial o alcance desta aprobación nun encontro celebrado no Centro de Promoción Económica.

Durante a reunión, a conselleira comprometeu o inicio das obras de urbanización da ampliación para o ano 2027, cun investimento superior aos 28 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia.

A ampliación incrementará en 630.000 metros cadrados a superficie actual, que pasará a contar cun total de 1,8 millóns de metros cadrados, situándose entre os parques empresariais de maior tamaño da comunidade autónoma. O proxecto contempla dous ámbitos diferenciados: un ao oeste, de 516.000 metros cadrados, e outro ao leste, de 113.000 metros cadrados.

Lorenzana trasladou aos empresarios asistentes os distintos mecanismos existentes para facilitar o acceso ao solo industrial dun xeito áxil e adaptado ás necesidades de superficie e uso de cada compañía. Cómpre lembrar que un estudo recente elaborado pola Comunidade de Propietarios cifraba en 80.000 metros cadrados a demanda de solo adicional xerada só polas empresas xa asentadas.

Desde a Comunidade de Propietarios valoramos positivamente tanto os prazos previstos como as novas facilidades de acceso ao solo anunciadas. Ao longo do próximo mes celebrarase unha xornada de traballo con persoal técnico de Xestur e coas empresas que amosaron interese en adquirir solo, co fin de analizar cada caso de maneira individual e adaptar o parcelario ás súas necesidades específicas.

A aprobación definitiva do PEOSE, unida ao compromiso de inicio das obras en 2027, abre un horizonte claro para o futuro do polígono, reforzando o seu papel como motor económico de Carballo e de toda a comarca de Bergantiños.

Outras novas

Todas as noticias relacionadas co Polígono de Carballo ou que poidan ser de interese para as empresas que o compoñen.