Onte visitaron as instalacións do Centro de Promoción Económica do polígono a Conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez e o director do IGVS, Heriberto García; para presentar á Comunidade de Propietarios as liñas estructurantes e prazos previstos de comercialización e execución da 3ª fase.
O proxecto de ampliación do polígono xa se adapta ás novas figuras de plan creadas pola Lei 3/2022 do 18 de outubro de áreas empresariais de Galicia. O obxectivo destas figuras é axilizar os trámites e gañar flexibilidade para adaptar a oferta de chan industrial á demanda real. Neste sentido o proxecto de ampliación do polígono reservará unha superficie de 241.475 metros cadrados a modo de parcela única que se procederá á súa urbanización e clasificación segundo a demanda existente, isto permitiría a instalación no parque empresarial de corporacións que demanden grandes superficies de chan.
A ampliación supoñerá un incremento de 581.450 metros cadrados o que supoñería que o polígono alcanzaría unha superficie bruta de 1.799.450 metros cadrados sendo o de maior superficie da área metropolitana só superado por Sabón. Desta nova superficie 61.740 metros cadrados serán os destinados a uso industria, 46.412 o serían para uso terciario. Neste sentido esta é unha proposta inicial e tanto a conselleira como o director do IGVS trasladaron á Comunidade de Propietarios a súa predisposición favorable aos cambios que se consideren necesarios na asignación de usos para adaptarse ás necesidades do tecido empresarial local.
Como diciamos máis arriba outros 241.475 metros cadrados estará ao dispor das empresas e iríanse clasificando en industrial e terciario segundo a demanda. 141.801 metros cadrados irán destinados a zonas verdes e viarias, e están previstas habilitar 7.268 prazas de aparcamento.
Pero se hai un aspecto que preocupa ao colectivo empresarial de Carballo é o dos prazos de execución. Os responsables da Xunta de Galicia explicaron que a previsión é a de redactar e aprobar o proxecto de urbanización e expropiación de chan no primeiro semestre de 2024 e, a continuación, licitar as obras. O obxectivo é finalizar esta actuación para mediados de 2025, aínda que as primeiras parcelas xa sairán á venda o segundo semestre do 2024.
Desde a Comunidade de Propietarios valoran positivamente que se vaian dando paso na execución desta ampliación e piden ser rigorosos co cumprimento dos prazos anunciado. Consideran que ir máis lonxe das datas sinaladas supoñería unha freada inxustificada ao crecemento económico e empresarial que está a experimentar a zona nos últimos anos. Así mesmo, tamén consideran que paralelamente á ampliación do polígono a Xunta de Galicia debe executar a estrada de circunvalación que conectará a nosa área empresarial coas estradas de Ordes (AC-413) e Santiago (DP-1914) e incluír ao polígono na Rede de Transporte Público de Galicia.