Novas: Xeral
Estás aquí: Inicio \ Novas \ Xeral
Asemblea Xeral da ECOXEM do polígono.

Asemblea Xeral da ECOXEM do polígono.

21 novembro, 2025 Xeral

O vindeiro día 3 de decembro terá lugar ás 20:00 horas no Centro Social de Bértoa a primeira Asemblea Xeral Ordinaria da ECOXEM. O principal tema a tratar é a aprobación do seu orzamento para 2026.

O pasado 1 de outubro aprobouse a constitución definitiva da Entidade de Conservación, Xestión e Modernización (ECOXEM) do Polígono de Carballo, así como que esta nova entidade asuma a xestión do polígono a partir do 1 de xaneiro de 2026.

Para facer efectivo este traspaso de funcións, convócase agora a primeira Asemblea Xeral Ordinaria da ECOXEM, cuxo punto principal da orde do día é a aprobación do orzamento para o exercicio 2026.

Durante todo o proceso de constitución, iniciado o pasado mes de febreiro, explicouse que o obxectivo da ECOXEM é continuar profesionalizando a xestión do polígono, mellorar os servizos e equipamentos da área empresarial e acceder a novas vías de financiamento públicas e privadas. Así mesmo, garantiuse que a súa posta en marcha non suporía un incremento das cotas que abonan os propietarios. Fieis a ese compromiso, o orzamento presentado mantén o importe da cota mensual en 0,026 €/m².

Unha vez remate a Asemblea Xeral da ECOXEM, celebrarase a Xunta Xeral da Comunidade de Propietarios, na que se presentarán as contas do exercicio 2024 e se explicará que sucederá coa Comunidade de Propietarios cando a ECOXEM asuma a xestión do polígono.

A partir de hoxe, todos os propietarios do polígono recibirán por correo postal as convocatorias de ambas reunións e a documentación asociada. Para calquera dúbida sobre as convocatorias ou a documentación, podedes contactar coa xerencia do polígono no teléfono 981 70 10 90, ou acudir ás nosas instalacións do Centro de Promoción Económica en horario de 09:00 a 14:00 h e de 16:00 a 18:00 h.

Adxuntos:
Outras novas

Todas as noticias relacionadas co Polígono de Carballo ou que poidan ser de interese para as empresas que o compoñen.