Trátase do primeiro tramo do vial SX-VI do PXOM que conecta a rotonda sur de acceso ao noso polígono coa avenida de Razo á altura do Centro Comercial Bergantiños, e que neste primeiro tramo chegará ata a rúa Médico Xusto Martínez.
O Concello de Carballo ten en marcha o proceso de contratación da obra de urbanización do primeiro tramo do vial SX-VI do PXOM que conecta a rotonda sur de acceso ao noso polígono coa Avenida de Razo á altura do Centro Comercial Bergantiños. Este primeiro tramo chegará ata a rúa Médico Xusto Martínez.
A obra, cuxo valor estimado de contratación é de 508.570,86 €, está financiada con parte do remanente de tesourería do orzamento de 2022. Espérase que a súa execución empece nos próximos meses, a condición de que o proceso de contratación transcorra sen contratempos. Este investimento municipal responde a unha vella demanda da Comunidade de Propietarios do Polígono.
O novo vial partirá da rotonda sur de acceso ao noso polígono, entre as rúas Cobre e Bronce. Atravesará parte da zona verde do parque industrial ata a rúa Médico Xusto Martínez. A partir de aí, enlazará coa avenida Abetos e sairá á AC-552 pouco antes do supermercado Lidl.
Esta primeira fase da infraestrutura terá unha lonxitude de 800 metros, e un ancho de calzada de 14 metros, aos que haberá que sumarlle outros dez para a construción das beirarrúas e a instalación dos servizos urbanos. O proxecto inclúe ademais a construción dunha senda mixta para garantir a seguridade dos peóns e ciclistas que poidan utilizar o vial.
A execución do último tramo deste vial quedaría pendente de que se proceda á expropiación duns terreos que non están sectorizados polo PXOM.