Arredor de medio centenar de profesionais relacionados co sector da construción e do urbanismo asistiron no auditorio do Fórum Carballo a unha xuntanza cos representantes do equipo redactor do documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM)
Álvaro Fernández Carballada e Verónica Cernadas- para coñecer as principais claves do planeamento. Nunha cita presidida polo Alcalde, Evencio Ferrero, e que contou coa presenza da Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, do Arquitecto Municipal, Alfredo Garrote, e doutros técnicos municipais e membros da corporación, expúxose o "intenso proceso", en verbas de Ferrero, para elaborar esta proposta que contou coas achegas de todos os grupos da corporación, que supuxo máis de 60 xuntanzas da comisión informativa de urbanismo e que leva perfilándose dende o ano 2005.
O documento propón, segundo explica Fernández Carballada, unha capacidade residencial de aproximadamente 26.000 vivendas co obxectivo de, no caso da capital municipal, colmatar o chan urbanizable, facilitar a culminación daqueles ámbitos que xa tiñan comezado o seu desenvolvemento e "realizar un documento claro, dentro do posible". Tamén se falou especificamente da costa, na que moitas zonas de Arnados e Razo pasan de ser chan urbanizable a chan de núcleo rural, unha "modificación de calado", sedundo o técnico, pero que mantén "a tipoloxía de edificación que se buscaba".
Durante a reunión, o Alcalde avanzou que a exposición pública comezará case con toda probabilidade de forma oficial o martes 22 de xaneiro, despois da publicación do anuncio no DOG (Diario Oficial de Galicia). Fernández Carballada realizou un percorrido polas diferentes etapas de elaboración do documento que a partir do martes estará sometido á avaliación e achegas dos veciños e veciñas. Así o novo planeamento comezou a súa andaina en 2005, con traballos destinados a adaptar o PXOM de 2003, vixente naquel momento, á LOUGA, a nova Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia.
Mentres os técnicos estaban inmersos no proceso para adaptar o PXOM a un número de vivendas que puidese ser considerado óptimo pola Dirección Xeral de Urbanismo, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu en novembro de 2011 unha senteza que anulaba o PXOM de 2003, polo que pasaron a rexer no municipio as normas subsidiarias dos anos 80. Ante esta situación, finalmente, e despois dun novo ano de traballos, chegouse ao que Fernández Carballada denominou un "documento de mínimos", que é esta proposta de 2013 que agora conta coa aprobación inicial do pleno da corporación e que recolle un total de 25.939 vivendas de capacidade residencial, cunha proxección de poboación para os próximos aos duns 44.000 habitantes.
En todo caso, o técnico redactor quixo aclarar que esta proposta "non é para sempre" e que segundo vaia habendo variacións tamén sera posible ir adaptado a norma aos desafíos que vaian xurdindo no futuro. En todo caso, a partir do luns 21 de xaneiro, en horario de 10.00 a 14.00 de luns a venres, e os martes e xoves de 17.00 a 20.00 horas, todos os veciños e veciñas que o desexen poden acudir ao Fórum Carballo e serán atendidos por técnicos municipais, e un día á semana polo equipo redactor, para recibir toda a información que consideren oportuna, ademais de terse programado unha serie de xuntanzas nas parroquias.