A candidata do BNG á Presidencia da Xunta de Galicia reuniuse este martes cos empresarios para coñecer de primeira man as súas demandas.
A Asociación de Empresarios do Polígono de Carballo, que representa a 130 empresas con sede social no Concello, mantiveron unha reunión este martes coa candidata do Bloque Nacionalista Galego (BNG) á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, para presentarlle as súas propostas de mellora do tecido produtivo desta área empresarial, a máis dinámica da Costa da Morte e unhas das máis relevantes da provincia da Coruña.
Os empresarios consideran que as actuacións que debe poñer en marcha o próximo titular do Executivo autonómico deben centrarse en varios aspectos fundamentais. Un deles é o abaratamento ou supresión dos custos de transporte das empresas do polígono no ámbito da área metropolitana da Coruña, o que suporía a revisión do cobro de peaxe na AG-55.
A candidata manifestou a súa comprensión con esta petición, xa que asegurou que a revisión desta peaxe é unha reinvindicación que leva facendo o BNG desde hai anos.
A directiva da Asociación de Empresarios do Polígono de Carballo tamén lembraron a Pontón a necesidade de acometer novas infraestruturas viarias para conectar o polígono coas futuras fases de ampliación que están previstas.
Con motivo da visita da candidata do Bloque, que asistiu acompañada polo alcalde carballés, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Facenda e Urbanismo, os empresarios consideran que o elevado ritmo de crecemento desta área industrial esixe a execución de tres novas vías sobre a autopista AG-55, que xa foron solicitadas e que transitarían polas tres pontes construidas na actualidade.
Ademais, os donos do polígono consideran prioritario que se poña en marcha canto antes a construción da circunvalación (contemplada no PXOM) que conectará o polígono co centro da cidade sen ter que pasar pola nacional AC-552, unha estrada de gran conxestión de tráfico e siniestralidade.
· Un polo económico de 130 empresas e 800 millóns de euros.
No espazo das futuras ampliacións previstas, tamén sería necesario dotar ao polígono de vías internas adicionais, que delimiten e conecten mellor as parcelas. Co obxectivo de facer máis doado o tránsito, os xestores desta área industrial apostan por unha maior sinalización, que precisaría da colocación dun mapa do polígono en cada unha das súas entradas, no que se ubicaría a localización e denominación de todas as empresas.
Dende a Asociación de Empresarios xustifican as súas peticións pola gran demanda de solo industrial no polígono, que xa rematou unha nova fase de ampliación de máis de 450.000 m² de solo industrial, que se suman aos 370.000 xa en funcionamento. As previsións é que o polígono siga aumentando ata acadar unha extensión total (entre parcelas, zonas verdes e equipamentos) próxima aos 2 millóns de m².
Na actualidade, o polígono industrial é a sede de 130 empresas que dan traballo de forma directa a máis de 1.000 persoas. Este polo empresarial ten unha gran relevancia económica para toda a Costa da Morte, xa que as súas empresas suman unha facturación conxunta superior aos 800 millóns de euros.
O presidente da Asociación, Antonio Gómez, agradeceu a visita de Pontón e animou aos candidatos do resto de partidos políticos de Galicia a achegarse ata o polígono para coñecer de primeira man as súas necesidades. “Os empresarios de Carballo non só estamos ao servizo de toda a Costa da Morte e da provincia, senón de toda Galicia e queremos abrir máis canles de colaboración coa Administración autonómica para impulsar o noso tecido produtivo”, manifestou durante o encontro.