O traslado da sede da Asociación de Empresarios para o edificio do CEPEC tamén recibe o respaldo dos populares.
A Asociación de Empresarios do Polígono de Carballo mantivo un encontro este xoves con Francisco Conde, representante do Partido Popular e candidato número 1 por Lugo, para presentarlle as súas propostas e desafíos para os próximos anos.
Os empresarios consideran necesario o impulso dun plan director do polígono, xa que constitúe a área empresarial máis dinámica da Costa da Morte e unhas das máis relevantes da provincia da Coruña.
Nese plan director podería integrarse a posta en marcha de novas infraestruturas viarias para conectar o polígono coas futuras fases de ampliación que están previstas. Con motivo da visita do político popular, os empresarios consideran que o elevado ritmo de crecemento desta área industrial esixe a execución de tres novas vías sobre a autopista AG-55, que xa foron solicitadas e que transitarían polas tres pontes construidas na actualidade.
Ademais, os donos do polígono consideran prioritario que se poña en marcha canto antes a construción da circunvalación (contemplada no PXOM) que conectará o polígono co centro da cidade sen ter que pasar pola nacional AC-552, unha estrada de gran conxestión de tráfico e siniestralidade.
Cambio de sede
No curto prazo, un dos aspectos que máis preocupa á Asociación é a ubicación da súa nova sede dentro do polígono industrial. Para iso, é necesario que se faga efectivo o traslado das oficinas do Servizo de Inspección de Sanidade Animal (veterinarios da Xunta), ubicadas actualmente no edificio do CEPEC -a carón do viveiro de empresas, no acceso ao parque empresarial-, ás instalacións ofertadas en reiteradas ocasións polo Concello de Carballo no edificio do Fórum.
Os populares, segundo sinalou durante a reunión o parlamentario Aurelio Núñez Centeno, respaldan este traslado, que se suman ao apoio xa manifestado polo Concello de Carballo.
Desta forma, a Asociación contaría cunhas instalacións moito máis axeitadas para a actividade do colectivo, contando cunha infraestrutura máis ampla, accesible e visible, que garanta un mellor servizo a todas as compañías e emprendedores da zona.
Un polo económico de 130 empresas e 800 millóns de euros
Na actualidade, o polígono industrial é a sede de 130 empresas que dan traballo de forma directa a máis de 1.000 persoas. Este polo empresarial ten unha gran relevancia económica para toda a Costa da Morte, xa que as súas empresas suman unha facturación conxunta superior aos 800 millóns de euros.
O presidente da Asociación, Antonio Gómez, agradeceu a visita de Conde e animou ao resto de partidos políticos de Galicia, como xa fixo a candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, o pasado mes de agosto, a achegarse ata o polígono para coñecer de primeira man as súas necesidades. “Os empresarios de Carballo non só estamos ao servizo de toda a Costa da Morte e da provincia, senón de toda Galicia e queremos abrir máis canles de colaboración coa Administración autonómica para impulsar o noso tecido produtivo”, manifestou durante o encontro.