O recinto industrial contará ademais cun novo espazo de estacionamento para vehículos pesados grazas á subvención da Deputación da Coruña.
Un convenio entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria, o Goberno local e a entidade empresarial permitirá o traslado da sede da Asociación ao edificio do CEPEC.
Carballo, 1 de marzo de 2017.- A Asociación de Empresarios do Polígono de Carballo comezará en breve as obras de acondicionamento das tres fincas cedidas á comunidade por parte de cadanseus propietarios para a posta en marcha de tres novos aparcadoiros para turismos. Esta actuación é froito do aumento da demanda e instalación de novas empresas no recinto industrial de Bértoa, síntoma da puxanza do polígono carballés como gran polo industrial, foco de emprego e actividade económica da Costa da Morte.
Así o anunciaron o presidente e o secretario da comunidade de propietarios do polígono, Antonio Gómez e Juan Fernández, respectivamente, na rolda de prensa que ofreceron esta mañá xunto ao alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, para presentar o convenio asinado coa Deputación que fará posible o acondicionamento da zona verde e dos aparcadoiros no recinto industrial. “O noso obxectivo é poder dar unha solución á xente que aparca diante das empresas e das naves”, apuntou Fernández, que agradeceu ao Concello “a importante dotación económica” destinada á mellora do polígono.
Ademais dos espazos de estacionamento para turismos, a propia Asociación de Empresarios anunciou este mediodía na Casa do Concello a próxima construción dun novo aparcadoiro para vehículos pesados grazas á subvención concedida pola Deputación da Coruña para adecuar a actual zona de coches teledirixidos no polígono, emprazada nunha parcela municipal. Deste xeito, darase resposta á crecente demanda de prazas para camións, que na actualidade tan só contan cunha ducia de prazas de aparcamento.
Nova sede no edificio do CEPEC
Froito das conversas mantidas entre a Asociación de Empresarios do Polígono de Carballo, o alcalde Evencio Ferrero e o parlamentario autonómico Aurelio Núñez, a Xunta de Galicia vén de aceptar a invitación do Concello para o traslado das oficinas de Inspección de Sanidade Animal ás instalacións do Fórum. Unha decisión que desbloquea así a firma do convenio entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria, o Goberno local e os empresarios polo que poderá trasladarse a sede da comunidade de propietarios para o edificio do CEPEC, en pleno acceso ao parque empresarial.
Desta forma, unha vez realizadas as reformas necesarias, a Asociación contará cunhas instalacións moito máis axeitadas para a actividade do colectivo, contando cunha infraestrutura máis ampla, accesible e visible, que garanta un mellor servizo a todas as compañías e emprendedores da zona.