O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Manuel García Guillín, prepara a expansión dos espazos de acceso a Internet e dos programas de alfabetización e formación nas novas tecnoloxías ata a zona rural do municipio.
Despois da posta en marcha dun proxecto que levará a conexión da banda ampla ata a maioría das parroquias no prazo aproximado dun ano, agora o obxectivo é a creación de aulas de informática a través da dotacións de puntos de conexión nos centros sociais existentes ou da creación de novos espazos que permitan que "a xente que non está no casco urbano poida acceder ás novas tecnoloxías en igualdade de condicións", en verbas do concelleiro.
Durante a celebración das I Xornadas Carballo PortaAberta, tamén se expuxeron outros proxectos de futuro para o Concello, como a actualización e renovación da web municipal, que contará cunha guía con acceso a todo tipo de información sobre o municipio; o reforzo dos programas de formación no Telecentro; ou a creación dunha guía dixital para repartila entre os cidadáns. Así mesmo, xa están creadas redes bluetooth que permiten acceder á información municipal a través de teléfonos móbiles.
Outro dos obxectivos plantexados é o reforzo das Telecomunicacións, tanto no que se refire á cobertura de telefonía móbil como á ampliación da cobertura da TDT, ademais da creación de novas áreas de acceso wi-fi (sen fíos) a Internet. Tamén está previsto instalar unha nova pantalla de información LED -como as dúas que xa están funcionando nas rúas Coruña e Vázquez de Parga- á entrada do polígono industrial de Bértoa para ofrecer información sobre as diferentes empresas. Todo dentro dun plan global de actualización tecnolóxica xa en marcha, e no que moitos dos seus proxectos verán a luz ou estarán rematados en 2009.