Coa firma deste contrato entre COREGAL e a Comunidade de Propietarios do Polígono, as empresas do noso polígono integradas na mencionada entidade empresarial poderán gozar a partir do mes de xuño, dun novo servizo gratuíto de recolleita porta a porta de papel, cartón e plástico.
A empresa COREGAL, pertence á Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) a través da seu matriz empresarial Galega de Economía Social, está considerada como Centro Especial de Emprego pola Xunta de Galicia, desde a súa constitución no ano 1994. Como finalidade primordial, COREGAL proponse a promoción e creación de postos de traballo para persoas discapacitadas, centrándose para tal propósito en actividades relacionadas co medio ambiente. Desde o ano 2009, COREGAL conta cunha planta de residuos no noso polígono onde traballan 19 persoas (Rúa Titano, D5).
O contrato asinado polo conselleiro delegado de Galega de Economía Social, Ramón Sestayo, e o secretario da Comunidade de Propietarios, Juan Carlos Fernández, ten por obxecto a prestación do servizo de xestión de residuos a todas as empresas integradas na Comunidade de Propietarios do Polígono que así o soliciten. Para ese efecto, nos próximos días, enviarase unha circular a todas elas indicándolles as características técnicas do servizo e unha dirección mail onde deben mostrar o seu interese en beneficiarse da recollida.
O servizo engloba a recollida, o transporte e procesado do papel, do cartón e máis do plástico, sendo a frecuencia de recollida semanal, concretamente, todos os xoves a partir das 15:00 horas. Un servizo denominado Porta a porta, que consiste na recollida dos residuos diante das empresas, utilizando para iso un camión compactador con condutor e un peón operario.
Con esta medida desde a Comunidade de Propietario do Polígono quérese incrementa a carta de servizos que ofrece ás súas empresas adheridas e reforzar o seu compromiso coa sustentabilidade nos ámbitos do medio ambiente e da integración laboral das persoas con discapacidade.