O pasado mes de xullo, preguntados nunha enquisa, o 99% dos empresarios do polígono mostrábanse partidarios do seu peche nocturno co obxectivo de mellorar as condicións de seguridade; ante esta abafadora porcentaxe, a asociación de empresarios iniciou os primeiros contactos para transformar esta demanda nunha realidade. Antes de que concluíse o verán mantívose unha primeira reunión co alcalde, Evencio Ferrero, onde a asociación empresarial expuxo esta petición, atopando boa acollida por parte da primeira autoridade municipal.
No día de onte, representantes dos empresarios do polígono, acompañados polo alcalde, mantiveron unha reunión na Coruña coa subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo, e o tenente coronel da Garda Civil, Jorge Bodelón. Nesta reunión expúxoselles, a crecente preocupación entre os empresarios polos constantes furtos que se producen no noso polígono e como o peche nocturno do mesmo axudaría á súa diminución.
Desde a asociación de empresarios indicouse que o peche non afecta a ningunha calzada de titularidade estatal nin aos accesos á autoestrada, nin a ningún núcleo de poboación. Tanto a subdelegada do Goberno como o tenente coronel da Garda Civil, non puxeron ningunha obxección a esta medida, senón que apoiaron calquera iniciativa orientada á mellora da seguridade do polígono.
Así mesmo, animaron a que os empresarios que sufran calquera tipo de roubo ou furto poñan os feitos en coñecemento da Policía Local ou a Garda Civil a través dunha denuncia formal dos mesmos.