Na xunta directiva celebrada o pasado luns día 5, o Grupo de Desenvolvemento Rural‚ Costa da Morte aprobou a adhesión da Asociación de Empresarios do Polígono de Carballo á devandita entidade, concretamente formando parte da Mesa sectorial “Asociacións de empresarios e asociacións profesionais”.
O GDR Costa da Morte é unha asociación sen ánimo de lucro cuxa finalidade é agrupar aos distintos axentes sociais, institucionais e económicos; implicados na promoción do desenvolvemento territorial. Actualmente o GDR é responsable da execución do Programa Leader no Marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, e o seu ámbito de actuación abarca os seguintes 17 municipios: Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas.
Na súa última convocatoria de subvencións, dous proxectos empresariais situados nos noso polígono recibiron axudas por un importe de 244.035 euros. Desde a Asociación de Empresarios do Polígono esperamos que esta adhesión facilite o acceso de máis empresas a estas liñas de subvencións públicas.