O pasado xoves 19 na Facultade de Economía e Empresa da UDC membros da xunta directiva da Comunidade de Propietarios xa puideron intercambiar impresións cos alumnos que van implicarse durante os próximos meses neste proxecto.
Nos últimos anos o polígono de Carballo foi unha das áreas empresariais de maior crecemento da Comunidade Autónoma, transformándose nun ámbito urbano clave para o desenvolvemento socioeconómico da súa contorna. Este dinamismo e incremento no número de empresas, empregados e usuarios, tamén está a supoñer un reto para a Comunidade de Propietarios do Polígono que é a entidade responsable da súa xestión.
Para enfrontarse a este novo escenario, desde a Comunidade de Propietarios queren fortalecer unha cultura corporativa baseada nunha adecuada comunicación cos distintos grupos de interese implicados no adecuado funcionamento do parque empresarial como infraestrutura física pero tamén económica e social: desde os propietarios de parcelas e as propias empresas, ata as distintas Administracións Públicas, pasando polos centros de formación profesional, traballadores ou os diversos usuarios do polígono. Neste sentido, desde a Comunidade de Propietarios están a iniciar os traballos para elaborar a súa primeira memora anual, sería a correspondente ao ano que empeza, seguindo os estándares fixados pola Global Reporting Initive (GRI). A GRI é unha das máis relevantes iniciativas internacionais para o reporte do desempeño económico, ambiental e social á que se han adheridos xa miles de empresas e organizacións de todo o planeta; no caso do polígono de Carballo sería unha iniciativa pioneira en Galicia na adopción deste tipo de medidas de reporte e transparencia no ámbito das entidades de xestión de parques e polígonos industriais.
É neste contexto onde se concreta a participación do polígono de Carballo no programa de aprendizaxe servizo do Curso de Especialización en Sustentabilidade e Innovación Social (CESIS) impulsado pola Cátedra Inditex e a Universidade da Coruña. Este xoves 19 na Facultade de Economía e Empresa da UDC tivo lugar a presentación e lanzamento dos proxectos correspondentes á edición 2023 do CESIS, onde os membros da xunta directiva e a xerencia da Comunidade de Propietarios puideron intercambiar xa as primeiras impresións cos alumnos que van implicarse durante os próximos meses neste proxecto de aprendizaxe servizo.
Como parte do seu itinerario formativo, este grupo de alumnos analizan con axuda do soporte teórico-conceptual que adquiren neste curso de posgraduado, a información trasladada desde a Comunidade do Propietarios do Polígono; para posteriormente no mes de maio achegar solucións prácticas aos retos e oportunidades detectados, en forma dun plan de acción que se axuste á información e retroalimentación que se lles fornecerá desde o propio polígono no transcurso do proxecto.
A participación do polígono neste programa de aprendizaxe servizo alíñase coa política de colaboración con institucións educativas que se veu implementado desde a Comunidade de Propietarios nos últimos anos con distintas iniciativas como a Feira do Emprego e a Formación, o apoio á implantación do novo Ciclo Superior en Transporte e Loxística na EFA Fonteboa de Coristanco ou a firma dun acordo de colaboración con IFFE Business School.