Inclúen unha partida de 146.814,46 euros para a instalación dunha báscula pública de camións no polígono, 100.000 euros para iniciar o segundo tramo do vial de acceso sur e 14.000 euros para a reparación da escultura O Escalo.
Onte o pleno municipal do Concello de Carballo aprobaba os orzamentos municipais do ano 2025. Estes orzamentos asignan tres partidas orzamentarias a senllas intervencións no noso polígono por un importe total de 260.814,46 eruos:
Desde a Comunidade de Propietarios do Polígono valoran moi positivamente a inclusión destas medidas nos orzamentos municipais e destacan que estes investimentos son froito do traballo discreto que desde a propia Comunidade de Propietarios realízase os meses previos á elaboración dos mesmos.
A báscula pública para camións supoñerá poñer en marcha un novo servizo ao dispor de todos os usuarios do parque empresarial. Hai que ter en conta que o noso polígono transformouse no punto de partida e de chegada de moitos transportistas. Xa só as empresas do polígono, xestionan unha frota de vehículos pesados superior aos 400.
O primeiro tramo do novo vial de acceso sur ao polígono, atópase en fase de execución e nas próximas semanas está aberto conectando a nosa rotonda sur coa rúa Médico Justo Martínez. Os 100.000 euros orzados para o próximo ano, permitirán iniciar trámites para a execución do segundo tramo.
O Escalo é, sen dúbida, o elemento máis icónico do noso parque empresarial. Inaugurada en 2007, chaman a atención as súas dimensións e a súa cor que destaca, nos días claros, sobre o horizonte azul. Ten 13,50 metros de alto e pesa 3.200 quilos. Trátase dun enorme peixe vermello, coa cola de aceiro.