En resposta á queixa presentada o pasado 27 de setembro pola comunidade de propietarios en relación aos prologados cortes na subministración de telefonía que sufriron as empresas situadas no polígono durante os meses de agosto e setembro, a Secretaría Xeral de Atención ao Usuario de Telecomunicacións do Ministerio de Economía e Empresa notificou o dereito que teñen os afectados a ser indemnizados pola compañía telefónica responsable.
Concretamente os artigos 15 e 16 do Real Decreto 899/2009, do 22 de maio, polo que se aproba a carta de dereitos do usuario dos servizos de telecomunicacións electrónicas, recollen o dereito a unha compensación pola interrupción temporal do servizo telefónico ou de acceso a Internet. No caso das persoas físicas, as reclamacións deben dirixirse á Secretaría de Estado para o Avance Dixital de maneira individualizada, é dicir, unha por cada usuario afectado, tendo en conta que os expedientes e as resolucións tamén serán tramitados de forma individualizada. Este trámite pódese realizar de forma telemática a través da web da Oficina de Atención ao Usuario de Telecomunicacións: www.usuariosteleco.gob.es
No caso das persoas xurídicas débese recorrer á vía xudicial.