Novas: Xeral
Estás aquí: Inicio \ Novas \ Xeral
Reunión de seguimento coa directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial.

Reunión de seguimento coa directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial.

12 marzo, 2025 Xeral

A reunión tivo lugar na delegación territorial da Xunta de Galicia na Coruña e, ademais da directora xeral, Margarita Ardao, e representantes da Comunidade de Propietarios do Polígono, asistiron o alcalde de Carballo, a delegada territorial da Xunta e o novo xerente de Xestur.

A reunión foi unha primeira toma de contacto cos novos responsables das políticas de solo empresarial da Xunta de Galicia, que desde abril de 2024 pasan a depender da Consellería de Economía e Industria. Margarita Ardao tomou posesión en abril como directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial e Diego Jorreto asumiu o cargo de xerente de Xestur este mes de febreiro. Cómpre salientar que, tras a creación dunha nova sociedade pública autonómica dedicada á promoción de solo residencial, Xestur dedícase exclusivamente á promoción de solo empresarial.

Por parte da Comunidade de Propietarios do Polígono acudiron a presidenta, Raquel Rodríguez, o secretario, José Ángel Vázquez, o tesoureiro, José Martínez e o seu xerente, Pablo Rodríguez. Por parte do Concello de Carballo, asistiu o alcalde Evencio Ferrero. Tamén estivo presente a delegada territorial da Xunta, Belén do Campo.

Na reunión informáronnos do inicio inminente dos trámites de expropiación dos terreos pendentes de adquirir nos ámbitos onde se vai ampliar o polígono, así como da previsión de que o Plan Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial (PEOSE) se aprobe definitivamente a comezos do segundo semestre de 2025. En paralelo, xa se estará redactando o proxecto de urbanización e parcelación. Neste sentido, confirmouse que as alegacións presentadas polos propietarios da mazá H da 1ª fase foron aceptadas e que se conservará o camiño público que transcorre pola parte traseira das súas parcelas.

Desde a Comunidade de Propietarios manifestouse a preocupación polo atraso na execución da ampliación con respecto aos prazos aos que se comprometera a anterior conselleira responsable, así como o impacto negativo deste atraso e da falta de rigor nos prazos sobre moitas empresas da zona que precisan solo empresarial de forma urxente. Neste sentido, a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, propuxo a realización de reunións periódicas de seguimento entre Xestur, o Concello e a Comunidade de Propietarios para comprobar o cumprimento dos prazos. E aínda que en ningún caso se falaron de prazos definitivos de execución, polo ritmo da tramitación podemos estimar o ano 2028 como un horizonte temporal realista.

 

Estrada de circunvalación.

Desde a Comunidade de Propietarios do Polígono aproveitouse a ocasión para interesarse polo estado de tramitación da estrada de circunvalación que unirá directamente a nosa área empresarial coas estradas de Ordes (AC-413) e Santiago (DP-1914). A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, informou que se estaba á espera dun informe de Patrimonio para que esta infraestrutura supere a fase de avaliación ambiental simplificada.

Desde a Comunidade de Propietarios reiterouse a importancia desta infraestrutura para o conxunto do Concello e da comarca, tendo en conta que o fluxo de vehículos con orixe ou destino no polígono é cada vez maior.

 

Outras novas

Todas as noticias relacionadas co Polígono de Carballo ou que poidan ser de interese para as empresas que o compoñen.