Na reunión mantida a solicitude da Comunidade de Propietarios do Polígono repasáronse os principais asuntos de competencia autonómica que condicionan o futuro da nosa área empresarial (ampliación, estrada de circunvalación e transporte público).
Coincidindo co inicio do curso e o período de elaboración dos orzamentos autonómicos do ano 2025 a Comunidade de Propietarios do Polígono solicitou unha reunión coa delegada territorial da Xunta de Galicia, Belén do Campo. A reunión finalmente celebrouse onte nas nosas instalacións do Centro de Promoción Económica. Nela por parte da Xunta de Galicia, ademais da propia delegada territorial, participaron a directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, e o director territorial da Consellería de Economía e Industria, Isidoro Martínez. O Concello de Carballo estivo representado polo alcalde, Evencio Ferrero, e polo concelleiro de Obras, Luis Lamas. Por parte da Comunidade de Propietarios do Polígono, o seu vicepresidente, Juan Carlos Fernandez, o seu tesoureiro, Jose Ángel Vázquez, o seu tesoureiro, Jose Martínez e as vogais Estella Mariño e Ana Pensado. Tamén asistiron o xerente da Comunidade, Pablo Rodríguez, e o tesoureiro da CEC, Juan Cancela.
Na orde do día, a ampliación do polígono e a primeira fase da estrada de circunvalación que unirá o polígono coas estradas de Ordes (AC-413) e Santiago (DP-1914).
Ampliación de polígono.
O Plan Estructurante de Ordenación do Chan Empresarial (PEOSE) da ampliación aínda está pendente da súa aprobación definitiva, despois da súa aprobación inicial en decembro. Entre os aspectos para resolver antes da súa aprobación definitiva, atópanse as alegacións presentadas polos propietarios da Mazá H da primeira fase para conservar o camiño público que transcorre pola parte traseira das súas naves e que se vía ameazado pola urbanización de Sector B da ampliación.
Así mesmo analizouse en que estada estaba o procedemento de adxudicación dos proxectos de urbanización e parcelación, e de expropiación; que tamén se iniciaron en decembro.
O investimento previsto para a execución da ampliación é de 18,7 millóns de euros.
Estrada de circunvalación.
Na liña do exposto en sede parlamentaria o pasado mes de xuño, polo director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez; Belén do Campo informou que nas próximas semanas a primeira fase da estrada de circunvalación superará a fase de avaliación ambiental simplificada. A partir de aí, antes de que termine o ano, procederíase á exposición pública do proceso expropiatorio, para ao longo do ano 2025 aprobar o trazado definitivo da infraestrutura.
Compromiso orzamentario.
Desde a Comunidade de Propietarios reiterouse a importancia de ambas infraestruturas, así como a súa comprensión de longo proceso administrativo que comporta este tipo de actuacións. Con todo, solicitaron que os prazos administrativos non se alonguen máis do estritamente necesario e que nos próximos orzamentos autonómicos as partidas orzamentarias destinadas a ambas infraestruturas reflictan un compromiso real da Xunta de Galicia con ambas as actuacións.
Así mesmo, os representantes da Comunidade de Propietarios do Polígono aproveitaron a ocasión para trasladarlle á delegada territorial a necesidade de incluír o polígono na Rede de Transporte Público de Galicia. A petición foi ben acollida por Belén do Campo que se comprometeu a trasladarlla á nova directora xeral de Mobilidade.