O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) acaba de sacar a licitación a redacción do proxecto para a terceira fase do noso parque empresarial. Un contrato repartido en dúas anualidades, que suma 78.650 euros, e que debería estar executado en nove meses.
Con todo, no propio prego admítese que podería durar o dobre, ata 18 meses, polo tempo da súa preparación e polos trámites documentais. Con ese documento na man, a Xunta licitará despois as obras.
Unhas obras que se desenvolverán en dous ámbitos de actuación, ao leste da primeira fase ao longo do perímetro da estrada de acceso da autoestrada e ao oeste da segunda fase ocupando o perímetro da autoestrada AG-55. Con esta ampliación de 554.007 metros cadrados a nosa área empresarial alcanzará 1.800.000 metros cadrados brutos de superficie, consolidándose como un dos polígonos máis relevantes do panorama autonómico.
Esta ampliación responde á constante demanda de chan industrial que experimentou a nosa área empresarial nos últimos anos. Actualmente na segunda fase do polígono só quedan 5 parcelas en réxime de adxudicación directa e dúas parcelas por reclasificar de uso comercial a uso mixto comercial/industrial.
Desde a Comunidade de Propietarios do Polígono valoran positivamente este primeiro paso no trámite de execución da ampliación e piden que se cumpran escrupulosamente os prazos, para evitar que ningunha empresa que desexe instalarse en Carballo non poida facelo por falta de chan industrial.