No último ano e medio a Comunidade de Propietarios do Polígono xestionou máis 114 toneladas de residuos de natureza industrial. Propóñense mellorar a cifra a través dunha campaña informativa sobre a correcta separación de residuos por categorías e sobre os servizos de recollida e xestión que operan no polígono.
Nos últimos anos o polígono de Carballo veu experimentando un notable crecemento no seu número de empresas, transformándose nunha das áreas empresariais máis dinámicas de Galicia. Este crecemento xerou novas necesidades como son a propia ampliación do polígono, a mellora das comunicacións co sur da Comunidade Autónoma ou a modernización dos servizos de telecomunicacións.
Entre as necesidades detectadas froito deste crecemento, atópase a correcta xestión dos residuos producidos pola nosa actividade industrial e comercial. Desde a Comunidade de Propietarios aspiran que o noso polígono non só sexa recoñecido polo seu dinamismo empresarial e económico senón tamén pola calidade dos seus servizos e polo seu compromiso coa sustentabilidade ambiental.
Froito deste compromiso, o ano pasado desde o colectivo empresarial púxose en marcha da man de Coregal un novo servizo de recolleita porta a porta de cartón e plástico que viña cubrir unha importante carencia e que ata a data recolleu e valorizado máis de 114 toneladas de residuos que viñan xestionando de forma inadecuada. Desde a Comunidade de Propietarios do Polígono estase satisfeito con estes datos, pero aspiran a melloralos o próximo ano ante a perspectiva do incremento de empresas radicadas no noso polígono e tamén fomentando unha maior concienciación entre elas.
Actualmente existen tres servizos de xestión de residuos que operan no polígono. A mencionada recollida porta a porta de cartón e plástico, a recollida de residuos sólidos urbanos (RSU) e o punto limpo, estes últimos dependentes da empresa concesionaria UTE Carballo. Esta circunstancia xera certa confusión entre os usuarios.
Por estas razóns desde a Comunidade de Propietarios en colaboración co Concello, lánzase a campaña Avanzando cara a sustentabilidade cos seguintes obxectivos:
Consideramos que esta campaña informativa supoñerá unha mellora global na xestión dos residuos xerados polas nosas empresas e supoñerá un importante paso que nos permita avanzar cara a sustentabilidade.
Polígonos industriais con criterios de economía circular.
Como diciamos máis arriba, desde a Comunidade de Propietarios buscase que a nosa área empresarial non só sexa recoñecida polo seu dinamismo económico, senón tamén polas súas políticas de sustentabilidade. Neste sentido nos últimos anos viñéronse realizando distintas actuacións: acondicionamento das zonas verdes, unha auditoría enerxética do polígono ou a mencionada posta en marcha do servizo de recollida de cartón e plástico.
A finais do ano pasado a Xunta presentaba a Estratexia Galega de Economía Circular 2019 -2030. Entre os obxectivos que se fixan está o de poñer en marcha actuacións piloto de simbiose industrial no ámbito dos parques industriais galegos. Estas intervencións téñense que dar en parques de nova creación, pero tamén en polígonos xa en funcionamento como o noso, supoñendo unha importante oportunidade para mellorar a competitividade das nosas empresas.
Desde a Comunidade de Propietarios xa trasladaron á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sustentabilidade e Cambio Climatico da Xunta de Galicia, o  interese en ser unos dos polígonos seleccionados e está pendente unha entrevista coa nova responsable da mencionada dirección xeral, María Sagrario Pérez Castellanos.