Esta mañá 57 alumnos de 3º e 4º da ESO do Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa de Coristanco realizaron unha visita de estudo ao noso polígono. A visita contextualízase na política de colaboración que a Comunidade de Propiatrios e a Asociación de Empresarios manteñen cos principais centros de ensino da zona.
Nesta visita tiveron a oportunidade de coñecer, a través dun encontro coa xunta directiva da Comunidade de Propietarios, a historia e as principais características do noso parque empresarial. Posteriormente os alumnos (divididos en grupos) puideron realizar unha visita guiada a algunhas das empresas do polígono. A actividade non se quedou aí, de regreso ao seu centro de ensino os mozos tiveron que realizar un traballo e unha exposición ante os seus compañeiros sobre a empresa visitada por cada grupo, o que lles permitiron facerse unha idea máis ampla sobre a nosa realidade empresarial.
Esta visita contextualízase na política de colaboración que seguimos desde o polígono de Carballo cos distintos centros de ensino da zona. Recentemente a xerencia do polígono impartiu unha charla aos alumnos de 2º de bacharelato do IES Parga Pondal e colabora regularmente co IES Monte Neme na difusión da Formación Profesional Dual e do seu programa de prácticas.
Novo local.
Por outra banda, as obras de reforma do novo local das oficinal da Comunidade de Propietarios avanzan a bo ritmo, polo que ao longo do mes de abril poder realizar o traslado. Este novo local, situado no acceso do polígono na mesma parcela que o Viveiro de Empresas, ademais de espazo para o persoal de administración e mantemento do polígono tamén contará cunha sala de reunións e unha ampla aula ao dispor das empresas.