Novas: Xeral
Estás aquí: Inicio \ Novas \ Xeral
Unha experiencia piloto conectará con bus o polígono co núcleo urbano de Carballo.

Unha experiencia piloto conectará con bus o polígono co núcleo urbano de Carballo.

11 septembro, 2023 Xeral

Esta iniciativa desenvolverase entre os días 18 e 22 de setembro no contexto das actividades organizadas polo Concello de Carballo pola Semana Europea da Mobilidade.

Carballo é unha dos 308 municipios españois que celebra a Semana Europea da Mobilidade, unha iniciativa da Comisión Europea orientada a promover modelos de mobilidade máis sostibles.

Este ano o Concello de Carballo organizou un amplo programa de actividades que inclúen sendeirismo, roteiros ciclistas, xornadas lúdicas etc. Con todo, a principal novidade deste ano é a posta en marcha dun servizo de autobús urbano, que circulará desde o luns 18 ao venres 22 de setembro, unindo a propia estación de autobuses co Parque Comercial A Revolta e coa nosa área empresarial. Trátase dunha experiencia piloto que permitirá testar a demanda deste servizo.

Unha reivindicación dos usuarios do parque empresarial.

A conexión do polígono co núcleo urbano de Carballo é unha das principais demandas dos usuarios do parque empresarial, tendo en conta que os postos de traballo directos xerados polo polígono superan a cifra dos 2.000 e que cada vez son máis as persoas que se achegan á nosa área por motivos profesionais e de lecer.

No ano 2021 a Comunidade de Propietarios do Polígono xa realizou unha solicitude á Xunta de Galicia para incluír ao parque empresarial na Rede de Transporte Público de Galicia. Esta solicitude estaba sustentada nun estudo de mobilidade previo e propoñíase un roteiro entre o polígono e o núcleo urbano de Carballo (lugar de procedencia da maioría de traballadores da nosa área empresarial) e a inclusión do polígono en dous dos roteiros xa existentes que conectan Carballo coa Coruña.  A Xunta de Galicia, a día de hoxe, aínda non deu resposta a esta solicitude.

Desde a Comunidade de Propietarios valoran positivamente a iniciativa do Concello de poñer en marcha de forma experimental este roteiro de transporte público e esperan que sexa unha medida que axude á definitiva inclusión do polígono na Rede de Transporte Público de Galicia.

Adxuntos:
Outras novas

Todas as noticias relacionadas co Polígono de Carballo ou que poidan ser de interese para as empresas que o compoñen.